O clube de lectura “A Esmorga” nace no I.E.S. A Xunqueira I, de Pontevedra, no curso 2007/2008 para proporcionar ao alumnado unha experiencia nova, a de ler colectivamente. O obxectivo fundamental que nos propoñemos é disfrutar neste achegamento aos libros dun xeito compartido, convertendo a lectura nunha actividade lúdica ao mesmo tempo que educativa. 

Neste curso 2008-09 continuamos a nosa andaina e reunímonos unha vez á semana (1º ESO os luns, 2º os xoves, 3º os venres e 4º os martes), na biblioteca do centro e nalgunha aula, segundo os cursos aos que pertenza o alumnado. Contamos con trece alumnos e alumnas de primeiro, dezanove de segundo, once de terceiro e catorce de cuarto, bastantes máis que o curso pasado. Se estás interesado, aínda estás a tempo de unirte ao clube.
 

A lectura de cada un dos libros é, obviamente, individual, pero no clube compartimos a experiencia e aventura de cada un deles. Cada día fixamos un número determinado de páxinas, que son as que lemos esa semana, e comentámolas na reunión seguinte. É elección de cada un/unha seguir lendo o libro pero nunca pode desvelar o seu contido ata o final, pois perderíase todo o misterio.

 

        A experiencia foi e é moi enriquecedora, xa que ao pracer de ler se suma o pracer de compartilo, de falar sobre el, de comparar interpretacións… unha mostra de que un libro nos pode abrir moitísimos camiños e de que son unha fonte de cultura inesgotable.

 

Os libros son prestados pola Biblioteca do centro; algúns dos títulos propostos para o presente curso 2008 - 09, son Socorro, Noite de voraces sombras e El gato negro y otros cuentos de horror, entre outros.

 

        Ademais da lectura de libros, tamén temos programadas outras actividades, de carácter complementario: visitaremos a Biblioteca Pública de Pontevedra, así como a Biblioteca da Universidade; coñeceremos algún autor ou autora dos libros que estamos lendo; colaboraremos coa revista do instituto, Xuncos, escribindo artigos relacionados coas lecturas feitas, veremos algunha película relacionada cos temas de lectura e debatiremos sobre ela (algúns títulos propostos para este curso son: O neno do pixama a raias, El cartero de Neruda,...)    

 

Neste curso o clube “A Esmorga” é  coordinado por Mónica Pérez Mouriño e colaboran con ela as profesoras Lola Varela, Belén Herrero, Lucía Novas, Inmaculada Caro, Luisa Fernanda Aris, e os profesores Javier Martínez e Laureano Aragunde.

 

        ¡Animádevos a compartir o pracer de ler no noso clube!

Principal | O Centro | Estudios | Docentes | Actividades | A cidade | Enlaces | Correo